COMPOSICIÓN DE TEXTO

Os seguintes documentos permiten elaborar unha composición sobre os fundamentos políticos da Restauración borbónica e o funcionamento real do sistema. Concibida como unha monarquía parlamentaria (Doc.1) que se plasma na Constitución de 1876 (Doc.2), a súa dinámica política estivo non obstante marcada pola manipulación da quenda pacífica entre os dous grandes partidos dinásticos (Doc.3), o protagonismo do caciquismo (Doc.4) e o recurso sistemático ó fraude electoral (Doc.5). Lembra que non se trata de elaborar un tema á marxe das fontes propostas, polo que debes apoiarte nelas ó elaborar a túa redacción.


Doc.1.-O Manifesto de Sandhurst presenta en 1874 o programa político da Restauración:

“Orfa a nación agora de todo dereito público e indefinidamente privada das súas liberdades, natural é que volva os ollos ó seu habitual dereito constitucional e a aquelas libres institucións que nin en 1812 ímpediron que defendese a súa independencia nin rematar en 1840 outra empeñada guerra civil (...). Afortunadamente, a Monarquía hereditaria e constitucional posúe nos seus principios a necesaria flexibilidade (...) para que tódolos problemas que traia o seu restablecemento consigo sexan resoltos de conformidade cos votos e a conveniencia da nación. Non hai que agardar que decida eu nada en firme e arbitrariamente; sen Cortes non resolveron os negocios arduos os Principes españois alá nos antigos tempos da Monarquía, e esta xustísima regra de conducta non hei esquecela eu na miña condición presente, e cando tódolos españois están xa afeitos ós procedementos parlamentarios”.


Doc.2.-Constitución de 1876:

“Don Alfonso XII, pola gracia de Deus, rei constitucional de España; a tódolos que as presentes viren e entenderen sabede: Que en unión e de acordo coas Cortes do reino, actualmente reunidas, viñemos en decretar e sancionar a seguinte Constitución da Monarquía española (...):
Art. 11. A relixión Católica, Apostólica e Romana é a do Estado. A nación obrígase a manter o culto e os seus ministros (...).
Art. 18. A potestade de facer as leis reside nas Cortes co Rei.
Art 19. As Cortes están formadas por dous corpos colexisladores iguais en facultades: o Senado e o Congreso dos Deputados (...).
Art.50. A potestade de facer executar as leis reside no Rei (...)”.

 

Doc.3.-A quenda: Cánovas e Sagasta altérnanse como cociñeiro e cliente, pero España sempre frega os pratos:



















Doc 4.-Benito Pérez Galdós critica o caciquismo en Política española (antoloxía de artigos), 1884:

“Consecuencia de todo elo é o caciquismo, o entronizamento de certos individuos nas localidades, os cales, como instrumentos do deputado, son donos dos resortes administrativos (...). O cacique dá e quita os miserentos postos de traballo que disfrutan os máis pobres do lugar; seus son o carteiro-peón, o secretario do Concello, o peón camiñeiro, o expendedor de efectos estancados. O cacique é quen ó facer o reparto da contribución carga a man ó adversario, alixeirando ó amigo (...). Verdade é que o tirano da aldea, que tan grandes servicios presta ó deputado, someténdolle a localidade, abruma a este coas súas esixencias (...)”.


Doc 4.-Valentí Almirall, republicano federal, denuncia o fraude electoral (1880):
“Entre nós reina a farsa en toda a súa crueza, unha farsa completa, exclusiva das eleccións españolas. O mesmo se o sufraxio é universal que restrinxido, nunca hai máis que un só elector: o ministro da Gobernación. Este cos seus gobernadores de provincia e o innumerable exército de empregados de todas clases, sen excluir os altos cargos da maxistratura e do profesorado, prepara, executa e consuma as eleccións (...), dende o fondo do seu despacho, situado no centro de Madrid (...). Nada hai que sexa sagrado: listas elrectorais, urnas, escrutinio, todo é falseado polos nosos políticos baixo a inmediata dirección do gobernador civil de cada provincia”.