MODELO DE 2006 Y 2009

 

Tendo en conta os seguintes documentos, aos que debes referirte ao longo da túa exposición, debes elaborar unha redacción sobre a ditadura do xeneral Primo de Rivera, centrándote nos ámbitos político e económico. O golpe de Estado (Doc. 1), aprobado por Alfonso XIII, pon fin ao réxime constitucional e instaura no goberno a un Directorio Militar que será sucedido en 1925 por un Directorio Civil (Doc. 2). Os éxitos militares en Marrocos e un crecemento económico sustentado no nacionalismo e no intervencionismo (Docs. 3 e 4) non puideron evitar a caída do ditador en 1930, enfrontado a unha crecente oposición (Doc. 5) e ao cambio de tendencia na conxuntura económica internacional.

 

Doc.1 .-Manifesto do xeneral Primo de Rivera (13 de setembro de 1923):

 

“Españois: Chegou para nós o momento máis temido que agardado (...) de atender o clamoroso requirimento de cantos amando a Patria non ven para ela outra salvación que libertala dos profesionais da política, dos que por unha ou outra razón nos ofrecen o cadro de desventura e inmoralidades que comezaron no ano 98 e ameazan a España cun próximo fin tráxico e deshonroso (...).

Non vimos chorar mágoas e vergoñas, senón poñerlles axiña radical remedio, para o que requirimos o concurso de todos os bos cidadáns. Para iso (...) constituirase en Madrid un Directorio Militar con carácter provisorio encargado de manter a orde pública (...)”.

Doc. 2.-Proposta de Primo de Rivera a Alfonso XIII para substituír o Directorio Militar por un Directorio Civil (1925):

 

“En suma, señor, para expoñer o meu pensamento clara e sinceramente, o que propoño a V. M. é a substitución dunha ditadura militar por outra civil e de organización máis axeitada, pero non menos vigorosa. E permítome propoñelo así, recollendo a arela popular, que só teme do cambio de goberno que se debiliten os resortes do mando que foron carácter do Directorio militar, cuxa vida, como xenuína representación do exército e da mariña, que tan patrioticamente ofreceron o prestixio dos seus nomes corporativos a este arriscado labor, non debe levarse a momento de desgaste ou de quebranto; nin tampouco debe subtraerse por máis tempo ao país, na súa representación civil, que é a axeitada e tan manifestamente está da nosa parte, a participación e a responsabilidade na obra de reconstituílo e reeducalo administrativa e politicamente”.

Doc. 3.-José Calvo Sotelo, na súa obra Mis servicios a España (1931), expón e defende as que foran liñas mestras da actuación económica da ditadura:

 

“As ditaduras propenden fatalmente ao intervencionismo. O seu omnímodo poder é incompatible coa inhibición (...). O intervencionismo de Primo de Rivera abrangueu a agricultura, a industria, o mesmo comercio (...). Primo de Rivera profesou un entusiasta nacionalismo económico que eu compartín co máis caloroso fervor. Pero o noso nacionalismo mantívose dentro de correctísimos límites. A xuízo do xeneral, España debía nacionalizar unicamente: a) as industrias para as que a primeira materia se obtén no noso territorio; b) as que dentro do ámbito nacional de consumo poden achar mercado suficiente de vida; c) as indispensables para asegurar a nosa independencia política nacional”.

 

Doc. 4.-Incremento da produción en España en diversos sectores, 1922-1930:

                                                                                                     

 

1922                      1930

Mineira e industrial

(base 1906/13=100)

                        84,7

            144

Enerxía eléctrica (millóns de Kw.)

                     1.040

            2.609

Aceiro (toneladas)

                   326.136

             953.673

Cemento (toneladas)

                   729.035

               1.820.011

       

 

 

Doc. 5.-Rematada a ditadura, Ángel Ossorio, que sería deputado nas Cortes republicanas, enxuíza así a situación de España:

           

“E despois de seis anos longos de Ditadura, ¿que queda en España? (...). Roto o Exército con múltiples sublevacións sucesivas (...); rota a Universidade, coas aulas pechadas (...); rota a Facenda, coa moeda derrubada (...); rota a Xustiza (...).

Todas as forzas lexítimas, rotas; pero, en troques, intactas todas as forzas nocivas (...): o caciquismo en pé, as súas falanxes unidas; o sindicalismo revolucionario, latente e prevido; os extremismos nacionalistas, máis esaxerados que antes; nin un só dos elementos da patoloxía nacional quedaron suprimidos ou atenuados”.