Os seguintes textos permiten a elaboración dunha composición que teña por tema central a evolución política durante o reinado de Fernando VII, entre 1814 e 1833. Mentres os documentos 1, 3 e 4 sinalan o inicio de tres etapas ben diferenciadas, que debes identificar e caracterizar, salientando as diferencias entre elas, o documento 2 exemplifica a forma de pronunciamento que frecuentemente adoptou a tensión entre liberalismo e absolutismo, presente durante todo o reinado.

 

Doc.1.-Decreto de anulación da Constitución de 1812 e da obra lexislativa das Cortes de Cádiz (1814):

“As Cortes (...) no mesmo día da súa instalación (...) despoxáronme da soberanía, pouco antes recoñecida polos mesmos deputados, atribuíndoa nominalmente á nación para apropiala para si eles mesmos e dar a esta, despois sobre tal usurpación, as leis que quixeron, impoñéndolle o xugo de que forzosamente as recibise nunha nova Constitución (...); e ó que era verdadeiramente obra dunha facción, revestíaselle (...) de vontade xeral (...). Declaro que o meu real ánimo é non só non xurar nin acceder á dita Constitución nin a decreto ningún das Cortes xerais e extraordinarias e das ordinarias actualmente abertas, a saber, os que sexan depresivos dos dereitos e prerrogativas da miña soberanía (...), senón o declarar aquela Constitución e tales decretos nulos e de ningúnvalor nin efecto, agora nin en tempo ningún, coma se non tivesen pasado xamais tales actos…“

 

Doc.2.-Manifesto que dirixe á Nación española a Xunta Provincial de Galicia, presidida por Juan DíazPorlier, en 1815:

“Españois: (...). Obrigados pola necesidade, vendo que a verdade non pode chegar ós oídos do rei, sitiado a toda hora polos seus conselleiros (...), tomamos a terrible, pero indispensable, resolución de reclamar coas armas na man o que se negou ás nosas solicitudes.

O noso obxecto é o de España enteira: unha monarquía sometida a leis xustas e sabias, e constituída dun xeito que sexa garantía, o mesmo das prerrogativas do trono que dos dereitos da nación. Pedimos a convocatoria de Cortes nomeadas polo pobo, e que estas teñan liberdade de facer na Constitución proclamada polas Cortes extraordinarias, os cambios que esixe a nosa situación…”

 

Doc.3.-Fernando VII acepta a Constitución de Cádiz o 10 de marzo de 1820:

“Mentres eu meditaba maduramente coa solicitude propia do meu paternal corazón as variacións do noso réxime fundamental que parecían máis adaptables ó carácter nacional e ó estado presente das diversas opcións da monarquía española, así como máis análogas á organización dos pobos ilustrados, fixéstesme comprender a vosa arela de que se restablecese aquela Constitución que entre o estrondo das armas hostís foi promulgada en Cádiz no ano de 1812, ó propio tempo que con asombro do mundo combatiades pola liberdade da patria. Oín os vosos votos, e como tenro pai condescendín ó que os meus fillos consideran que conduce á súa felicidade. Xurei esa Constitución pola que deveciades, e sempre serei o seu máis firme apoio (...). Marchemos francamente, e eu o primeiro, pola senda constitucional (...)…”

 

Doc.4.-Logo da intervención da Santa Alianza, Fernando VII anula en 1823 os actos do goberno constitucional:

“Sentado xa outra vez no trono de San Fernando pola man sabia e xusta do Omnipotente, polas xenerosas resolucións dos meus poderosos aliados e polos denodados esforzos do meu primo, o duque deAngulema, e o seu bravo exército, desexando prover o remedio ás máis urxentes necesidades dos meus pobos, e manifestar a todo o mundo a miña verdadeira liberdade, viñen decretar o seguinte:

1º. Son nulos e de ningún valor tódolos actos do goberno chamado constitucional (de calquera clase e condición que sexan) que dominou os meus pobos desde o 7 de marzo de 1820 ata hoxe 1 de outubro de 1823, declarando, como declaro, que en toda esta época carecín de liberdade…”