Baseándote nos documentos que se presentan, debes realizar unha composición que teña por tema central a evolución política durante o Sexenio democrático (1868-1874). Debes comezar por comentar as circunstancias que conduciron á expulsión do trono de Isabel II e as aspiracións dos revolucionarios triunfantes (Doc.1). A Constitución de 1869 supón a instauración dun novo réxime político, que debes caracterizar nos seus trazos esenciais (Doc.2). As razóns do fracaso da fórmula monárquica (Doc.3), a implantación do réxime republicano que a sucede e do proxecto federal (Doc.4) que se intenta instaurar deben integrarse tamén na túa redacción. Para concluír, podes aludir ao fracaso final da República e á súa substitución por un novo réxime.

 

Doc.1.-O 27 de setembro de 1868, a Xunta de Goberno de Málaga súmase con esta proclama á revolución coñecida como Gloriosa:

“Aspiramos á liberdade de conciencia (...). Imos, pois, establecer a liberdade de cultos.

Aspiramos á liberdade de sufraxio (...), proclamamos o sufraxio universal.

Aspiramos á liberdade da razón, e queremos o ensino libre, e que o pensamento escrito circule sen traba.

Aspiramos, en fin, á liberdade económica e de asociación (...).

Queremos Cortes Constituíntes, expresión fiel da soberanía da Nación, para que promulguen unha Constitución (...).

Cidadáns: ¡Viva a liberdade! ¡Viva a soberanía nacional! ¡Abaixo os Borbóns!”.

 

Doc.2.-Constitución de 1869:

“A Nación Española, e no seu nome as Cortes Constituíntes, elixidas por sufraxio universal, desexando afianzar a xustiza, a liberdade e a seguridade, e prover ao ben de cantos vivan en España, decretan e sancionan a seguinte Constitución (...):

Art. 17. Tampouco pode ser privado ningún español: do dereito de emitir libremente as súas ideas e opinións, xa de palabra, xa por escrito (...). Do dereito de reunirse pacificamente. Do dereito de asociarse para todos os fins da vida humana que non sexan contrarios á moral pública (...).

Art. 32. A soberanía reside esencialmente na nación, da cal emanan todos os poderes.

Art. 33. A forma de goberno da Nación Española é a Monarquía.

Art. 34. A potestade de facer as leis reside nas Cortes. O Rei sanciona e promulga as leis.

Art. 35. O poder executivo reside no Rei, que o exerce por medio dos ministros.

Art. 36. Os tribunais exercen o poder xudicial”.

 

Doc.3.-Abdicación de Amadeo I (11 de febreiro de 1873):

“Dous anos longos hai que cingo a coroa de España, e a España vive en constante loita, vendo cada día máis distante a era de paz que tanto desexo (...). Todos invocan o doce nome da patria, todos pelexan e axítanse polo seu ben; e entre o fragor do combate, entre o confuso, atronador e contraditorio clamor dos partidos, entre tantas e tan opostas manifestacións da opinión pública, é imposible afirmar cal é a verdadeira, e máis imposible aínda atopar o remedio para tamaños males. Busqueino dentro da lei ansiosamente e non o atopei. Fóra da lei non ha buscalo quen prometeu observala (...). Estas son, señores deputados, as razóns que me moven a devolver á nación, e no seu nome a vosoutros, a Coroa que me ofreceu o voto nacional (...)”.

 

Doc.4.-Proxecto de Constitución federal de 1873:

“Art. 1. Compoñen a Nación Española os Estados de Andalucía Alta, Andalucía Baixa, Aragón, Asturias, Baleares, Canarias (...).

Art. 39. A forma de goberno da Nación Española é a República federal (...).

Art. 42. A soberanía reside en todos os cidadáns, e exércese en representación súa polos organismos políticos da República constituída por medio do sufraxio universal.

Art. 43. Estes organismos son: o Municipio, o Estado rexional, o Estado federal ou Nación (...).

Art.45. O poder da Federación divídese en poder lexislativo, poder executivo, poder xudicial e poder de relación entre estes poderes”.