Os seguintes documentos serven de base para a realización dunha composición sobre a desamortización, que xunto con outras medidas (abolición do réxime señorial, desvinculación dos morgados...) conforman o que podemos considerar en conxunto a reforma agraria liberal. Os tres primeiros documentos explicitan o tipo de bens afectados por cada medida desamortizadora, expoñendo o primeiro deles os obxectivos que se pretenden acadar. Os dous últimos textos son valoracións do proceso desamortizador no seu conxunto feitas na época actual por historiadores, que deben axudarche a facer un balance do mesmo, pois o primeiro deles (Doc.4) céntrase nos resultados sociais da desamortización, mentres o segundo (Doc.5) atende sobre todo aos efectos financieiros e económicos.

Doc.1.-Desamortización de Mendizábal (1836):
“Señora: vender a masa de bens que viñeron ser propiedade da nación non é tan só cumprir unha promesa solemne e dar garantía positiva á débeda nacional por medio dunha amortización exactamente igual ao producto das rendas; é abrir unha fonte abundantísima de felicidade pública, vivificar unha riqueza morta, desobstruir as canles da industria e da circulación, apegar ao país polo amor natural e vehemente a todo o propio, anchear a patria, crear novos e firmes vínculos que liguen a ela; é, en fin, identificar co trono excelso a Isabel II, símbolo da orde e da liberdade (...), crear una copiosa familia de propietarios (...).
Art. 1. Quedan declarados en venda desde agora tódolos bens raíces de calquera clase que pertencesen ás comunidades e corporacións relixiosas extinguidas”.

Doc.2.-Desamortización de Espartero (1841):
“Art. 1. Tódalas propiedades do clero secular (...) son bens nacionais (...).
Art. 3. Decláranse en venda tódalas fincas, dereitos e accións do clero catedral, colexial, parroquial, fábricas das igrexas e confrarías”.

Doc.3.-Desamortización de Madoz (1855):
“Art. 1. Decláranse en estado de venda (...) tódolos predios rústicos e urbanos, censos e foros pertencentes:
Ó Estado. Ao clero. Ás Ordes Militares (...). Ás confrarías, obras pías e santuarios (...). Aos propios e comúns dos pobos. Á beneficencia. Á instrucción pública e calesquera outros pertencentes a mans mortas xa estean ou non mandados vender por leis anteriores”.

Doc.4.-O xurista e historiador Francisco Tomás y Valiente enxuíza así a desamortización:
“En suma: que a desamortización municipal se cadra non debeu facerse e que a de bens eclesiásticos e outras “mans mortas” non debeu facerse como se fixo. Pero toda a burguesía, mesmo a de esquerdas, quixo desamortizar, e por conseguinte a desamortización foi un feito consumado (...).
Tamén considero innegable que o sistema desamortizador preferible en función do logro duns beneficios xerais, non debeu ser o de Mendizábal e Madoz (isto é, o do partido progresista), senón o aconsellado no seu día por Flórez Estrada (...). Este era o único capaz de facilitar a creación dunha clase media rural de pequenos propietarios, coa que se estabilizaría no noso país o réxime liberal, e se enchería o baleiro entre o latifundista e o braceiro”.

Doc.5.-O historiador Josep Fontana exprésase do xeito seguinte:
“¿Para que serviu a desamortización? Desde o punto de vista do goberno a resposta é relativamente sinxela. Na etapa de Mendizábal, para salvalo da bancarrota e axudarlle a gañar a guerra civil. Na da chamada lei Madoz, para financiar a construcción da rede ferroviaria. Penso que a medida exacta en que estas vendas redundaron en proveito do Estado non debe minimizar”.