Os documentos seguintes, aos que debes referirte na túa exposición, tratan sobre a Guerra Civil. Iniciada coa sublevación de xullo de 1936, o conflito será presentado en termos ideolóxicos como unha loita antifascista (Doc. 1) ou anticomunista (Docs. 2 e 7), segundo o bando de que se trate. A impotencia do Comité de Non Intervención fixo que a participación estranxeira (Doc. 2) fose esencial no desenvolvemento do conflito. A evolución política das dúas zonas foi distinta: mentres as disensións e a división foron permanentes entre as forzas republicanas (Docs. 3, 4 e 5), na España “nacional” instaurouse un réxime de partido único (Doc. 6), concentrándose os poderes na persoa de Franco, a quen a vitoria na guerra (Doc. 7) lle permitirá perpetuarse no poder.

 

Doc. 1.-Dolores Ibarruri, Pasionaria, chama á resistencia no seu discurso do 19 de xullo de 1936:

“Traballadores, antifascistas, pobo laborioso: todos en pé para defender a República, as liberdades

populares e as conquistas democráticas do pobo (...). Todo o país vibra de emoción ante eses desalmados

que queren polo fogo e o terror sumir á España democrática e popular nun inferno (...). Pero non pasarán;

España enteira está en pé de loita (...). ¡Viva a Fronte Popular! ¡Viva a unión de todos os antifascistas! ¡Viva a República do pobo!”.

 

Doc. 2.-Galeazzo Ciano, ministro italiano de Asuntos Exteriores, informa así da situación en España:

“En España xa se formaron dúas frontes. Cunha están alemáns e italianos; con outra franceses, belgas e rusos. O Duce está de acordo con Hitler en opinar que a determinación das dúas frontes é xa un feito consumado. Italia apoiou e segue a apoiar aos españois sen condicións (...). A nosa acción en España

é unha proba efectiva da nosa participación na loita antibolxevique”.

 

Doc. 3.-Boletín informativo da CNT-FAI, xaneiro de 1937:

“Que quede ben entendido que non estamos a loitar pola República democrática. Estamos a loitar polo triunfo da revolución proletaria. A revolución e a guerra son inseparables. Todo o que se diga en sentido contrario é contrarrevolución reformista”.

 

Doc. 4.-Postura defendida en Mundo Obrero, órgano de expresión do PCE, marzo de 1937:

“¿De que nos acusan os camaradas da CNT? Segundo eles, afastámonos do camiño do marxismo revolucionario. ¿Por que? Porque defendemos a República democrática (...). Unha República democrática

e parlamentaria dun contido social como non existiu endexamais”.

 

Doc. 5.-Discurso de Largo Caballero, presidente do Goberno e secretario xeral da UGT:

“Primeiro debemos gañar a guerra e despois xa poderemos falar de revolución”.

 

Doc. 6.-O 20 de abril de 1937, Francisco Franco, Xefe do Estado e Xeneralísimo das forzas nacionais, asina o Decreto de Unificación:

“Art. 1. Falange Española e Requetés, cos seus actuais servizos e elementos, intégranse, baixo a Miña Xefatura, nunha soa entidade política de carácter nacional que, de momento, se denominará FalangeTradicionalista y de las JONS. Esta organización, intermedia entre a Sociedade e o Estado, ten a misión principal de comunicar ao Estado o alento do pobo e de levar a este o pensamento daquel a través das virtudes político-morais, de servizo, xerarquía e irmandade (...). Quedan disoltas as demais organizacións e partidos políticos”.

 

Doc. 7.-Último parte de guerra:

“No día de hoxe, cativo e desarmado o exército roxo, acadaron as tropas nacionais os seus últimos

obxectivos militares. A guerra rematou.

Francisco Franco. Burgos, 1-IV-1939. Ano da Vitoria”.