Os documentos seguintes deben permitirche elaborar un texto que teña por asunto central a vida política durante o reinado de Isabel II. Enfrontado desde os seus inicios á pretensión carlista (Doc. 1), os principais protagonistas do xogo políticof oron os progresistas (Doc. 2) e os moderados (Doc. 3), con claro predominio dos segundos. A aparición e desenvolvemento de outras forzas políticas opositoras ó réxime (Doc. 4) rematarían propiciando a caída da raíña por medio dun pronunciamento militar (Doc. 5), recurso frecuentemente utilizado para promover cambios de goberno. Lembra que non setrata de elaborar un tema á marxe das fontes propostas, polo que debes referirte a elas na túa redacción.

 

Doc. 1.-María Teresa de Braganza y Borbón, muller do infante Don Carlos, expón así algunas das ideas do carlismo:
“Relixión, Patria e Rei (...). Rei, digo por último, pero rei pola gracia de Deus e non pola gracia da soberanía nacional (...). Segundo o liberalismo, da soberanía nacional emana todo o poder e os poderes que existen, negando deste xeito todo poder de orixe divina. Agora ben, isto está condenado pola Igrexa católica e con razón; pois a Escritura sagrada di expresamente: todo poder ven de Deus (...). O liberalismo é puro absolutismo, porque se atribúe a si un poder que non lle ven de Deus, de quen prescinde, nin do pobo soberano, porque a este non se lle concede senón o van e ridículo dereito de depositar un billete nunha urna electoral”.

 

Doc. 2.-Preámbulo da Constitución de 1837:
“Sendo a vontade da Nación revisar, en uso da súa soberanía, a Constitución política promulgada en Cádiz a dezanove de marzo de mil oitocentos doce, as Cortes xerais, congregadas a este fin, decretan e sancionan a seguinte Constitución”.

 

Doc. 3.-Preámbulo da Constitución de 1845:
“Dona Isabel II, pola gracia de Deus e da Constitución da Monarquía Española, Raíña das Españas, a tódolos que a presente viren e entenderen, sabede:
Que sendo a nosa vontade e a das Cortes do Reino regularizar e poñer en consonancia coas necesidades actuais do Estado os antigos fueros e liberdades destes reinos, e a intervención que as súas Cortes tiveron en tódolos tempos nos negocios graves da Monarquía, modificando ó efecto a Constitución promulgada en 18 de xuño de 1837, vimos (...) en decretar e sancionar a seguinte Constitución da Monarquía Española”.

 

Doc. 4.-En 1860, o republicano Fernando Garrido caracteriza así as máis importantes tendencias políticas do momento:
“Os moderados representan un paso máis na escala do progreso, non conceden senón a medias o principio da soberanía nacional. Din: o rei ten o seu dereito de ser soberano, dereito histórico e de raza, pero o pobo tamén ten dereito a intervir co rei na xestión dos públicos intereses; e conservando as institucións do absolutismo, líganas o menos mal que poden coas novas, que deben satisfacer os desexos das clases acomodadas, e unha pequena parte das medias.
Os progresistas parten do principio da soberanía nacional, que colocan sobre tódolos outros. O rei, segundo eles, éo porque a nación quere que o sexa, e non porque o herdara dos seus devanceiros (...).
Hai unha fracción demócrata que cre posible a amalgama da monarquía e dos principios democráticos, da liberdade individual e da soberanía nacional.
Segue a esta a fracción republicana propiamente dita. A democracia como réxime político quere, segundo vemos nas súas publicacións, no canto do rei un consello ou xunta federal composta, como en Suíza, por un ou máis membros por cada provincia ou Estado. No canto de dúas cámaras, unha soa. No canto do censo electoral, o sufraxio universal para toda clase de eleccións. Os seus elementos máis activos pertencen ás profesións liberais, ós traballadores e artesáns, e unha parte máis considerable cada día á clase media”.

 

Doc. 5.-As forzas militares mandadas por Prim, Serrano e Topete pronúncianse en Cádiz en setembro de 1868, publicando o seguinte manifesto:
“Aldraxada a lei fundamental (...), corrompido o sufraxio pola ameaza e o soborno (...), pasto a Administración e a Facenda da inmoralidade (...), muda a prensa (...). Tal é a España de hoxe (...). Queremos que un Goberno provisional que represente tódalas forzas vivas do país asegure a orde, en tanto que o sufraxio universal bota os alicerces da nosa rexeneración social e política”.