COMENTARIO TRANSICIÓN . XUÑO 2010.

 

Os últimos anos do franquismo foron os máis axitados. A prosperidade económica dos anos sesenta fixo xurdir unha ansia xeral de cambio e de maiores liberdades. Incluso nas filas franquistas se manifestaron diferenzas entre os sectores máis conservadores e aqueles que pretendían unha moderada apertura. Entre os máis próximos a Franco preocupaba a continuidade do réxime, tras a súa morte que, tendo en conta a súa idade, non tardaría moito en se producir; fronte a esta intención, alzouse a crecente oposición democrática.

 

En xullo de 1973 Franco nomeou presidente do Goberno ao seu máis fiel colaborador Luis Carrero Blanco, o home da súa máxima confianza, que representaba o inmobilismo a todos os niveis, o denominado búnker.

 

Pero o novo Goberno presidido por Carrero case non tivo tempo de se estrear porque o 20 de decembro de 1973 falecía vítima dun atentado de ETA( Operación Ogro) levado a cabo polo comando Txikía. O DOCUMENTO 1 preséntanos un extracto do comunicado no que ETA ,  a organización terrorista fundada en 1959 por un sector do PNV e do grupo estudiantil EKIN, para conseguir, a través da loita armada, a independencia de Euskadi , reivindica o atentado contra Carrero Blanco.No comunicado manifesta a razón de dito atentado: acabar cun “ home duro…….que constituía a peza clave garante da continuidade e estabilidade do sistema franquista”( liñas 3-4).A actividade terrorista contribuiu ao clima de malestar social nos últimos anos do franquismo, ao longo do ano 1974-75 con numerosos atentados de ETA pero tamén das outras organizacións terroristas,FRAP ,GRAPO.A pesar de todo, o réxime non cedía. En marzo do 74, foi executado o anarquista Salvador Puig Antich, orixinando numerosas condenas internacionais , e mesmo en agosto do 75, aprobouse unha nova lei antiterrorista que ampliaba a aplicación da pena de morte. En varios consellos de guerra ditáronse 11 penas de morte para acusados de actos terroristas. As peticións de clemencia chegaron de todos os lados:igrexa, gobernos estranxeiros…pero non foron escoitadas.

 

A morte de Carrero afectou profundamente a Franco pois él representaba a continuidade do réxime e era a figura clave do futuro da ditadura. A pesar da hábil actuación do presidente interino, Torcuato Fernández Miranda, no control do clima de crispación que seguiu á morte de Carrero, Franco nomeou como novo presidente ao ministro de Gobernación, Carlos Arias Navarro, un home pouco relevante que non tiña programa nin equipo para afrontar as dificultades, era simplemente un franquista partidario da liña dura.

 

 

 

O ano 1973 foi especialmente grave para Franco e o seu réxime pola  crise do petróleo e a morte do seu máis íntimo colaborador . Ademáis o deterioro físico do ditador e as dificultades do  réxime, anunciaban xa o seu fin.

 

A crise enerxética , producida pola suba dos prezos do petróleo, e o inicio dun novo ciclo tecnolóxico afectaron gravemente á economía mundial. Mentres outros países adoptaban medidas, o Estado franquista non tomou en consideración a crise e non fixo nada, polo que os resultados negativos da crise non se fixeron esperar, e saíron á luz os defectos do desenvolvemento económico: dependencia enerxética e tecnolóxica do exterior, elevado endebedamento da empresa pública, aumento do paro....Á crise económica fai alusión o DOCUMENTO 3, cunha viñeta alusiva, publicada na revista “Por favor” no ano 1975. Como podemos observar, de xeito crítico aparece un mapa de España indicativo de que a crise é xeral, e grave, porque afecta a todo o territorio e a todos os sectores da economía.

 

A situación difícil que vivía o país intensificou o movemento obreiro e universitario. As folgas, manifestacións e protestas foron en aumento, agravadas ademáis pola crise económica. No DOCUMENTO 2, vemos unha gráfica de barras, que mostra a evolución do nº de folgas en España entre 1971 e 1975. Podemos comprobar como estas incrementáronse,  claramente, nos anos 74-75, con motivo das dificultades , tanto políticas como económicas, que atravesaba o país .

 

 

 

O novo presidente do Goberno, Arias Navarro, tivo que tomar as primeiras medidas para reducir o impacto da crise do petróleo, e presentou nas Cortes un programa que anunciaba unha serie de reformas popularmente coñecidas como o espíritu do 12 de febreiro: maior liberdade de prensa, elección de alcaldes, creación de asociacións políticas, maior liberdade xudicial e reforma da lei sindical. Pero estes propósitos aperturistas non se levaron á práctica, de modo que, o réxime volveu a endurecer a súa actuación.Mostra disto, é o DOCUMENTO 4, no que un dos homes que tiveron un papel destacado no franquismo, como Girón de Velasco,manifesta desde o cargo de presidente da Confederación Nacional de Excombatentes, da Guerra Civil, que  hai que “pechar o paso aos que queren arrebatarnos a vitoria”( liña 3-4). Él non recoñecía outra lexitimidade ca do 18 de xullo do 36. Girón de Velasco fora un dos candidatos a suceder a Carrero Blanco. Era un firme partidario do bunker, quería frear calquera reforma e así o manifestou nun artigo coñecido como “ Gironazo” que provocou a   dImisión forzada do ministro Pío Cabanillas, que representaba o sector aperturista, e doutros ministros e altos funcionarios, que o fixeron voluntariamente, por solidaridade.Todo isto mostraba as dificultades que había no interior do Goberno.

 

 

 

O deterioro da saúde do ditador e as promesas de reformas, intensificaron a actividade dos grupos de oposición ao réxime, tanto no interior como no exterior de España.No interior, políticos novos e intelectuais pretenderon unha transformación do réxime cara a posicións máis democráticas desde dentro do propio sistema, moitos deles entrarán a formar parte do Goberno de Adolfo Suárez, tras a morte de Franco. Tamén, na Igrexa comeza a manifestarse, desde algúns sectores , a necesidade de cambios; e mesmo, no exército, mediante a Unión Militar Democrática,UMD, que era unha mostra de cómo moitos oficiais buscaban un cambio.

 

 

 

Desde o exterior, os partidos e organizacións antifranquistas iniciaban un proceso de unidade para conseguir para España unhas institucións democráticas semellantes ás da Europa occidental. En xullo de 1974, por iniciativa do líder do PCE, Santiago Carrillo,constituíase en París, a Xunta Democrática.A ela fai referencia o DOCUMENTO 5, que recolle algunhas das súas propostas: 1,formación dun Goberno provisional……..para devolver…………..as liberdades,dereitos e deberes democráticos; 2,amnistía…………..por feitos de natureza política ou sindical; 3,legalización dos partidos políticos;11,a celebración dunha consulta popular….para elexir a forma de Estado.

 

En xuño do 75 organizábase a Plataforma de Converxencia Democrática, liderada polo PSOE.Os contactos entre ambas organizacións deron como resultado a Plataxunta,outubro 1975.Paralelamente, o PSOE resolvía no Congreso de Suresnes,Francia, outubro 1974,a crise aberta entre os afiliados do interior( os renovados) e os do exilio( os históricos)coa elección de Filipe González como secretario xeral.

 

 

 

Franco afectado pola enfermidade de Párkinson desde 1965,sufrira unha grave tromboflebite en xullo de 1974;desde o hospital,Franco encarga a D.Xóan Carlos que asuma,de xeito interino, a xefatura do Estado.Para él foi unha experiencia moi curta porque Franco se recupera e abandona o hospital,retomando as funcións de goberno.O franquismo seguiu a celebrar actos de afirmación do réxime; o 1 de outubro de 1975, con motivo do aniversario do ascenso á xefatura do Estado, organizouse un acto multitudinario na Praza de Oriente .Foi o  último discurso do ditador.O seu estado de saúde foise agravando e ,nin o desexo inhumano do búnker de prolongarlle a vida, lograron evitar a súa morte o 20 de novembro de 1975,xustamente 39 anos despois da morte de José Antonio Primo de Rivera.Foi enterrado ao seu lado no Val dos Caídos.

 

O mesmo día 20 de novembro puxéronse en marcha os mecanismos para garantir a continuidade do réxime franquista na figura de D.Xóan Carlos de Borbón e Borbón.Logo de xurar as Leis Fundamentais do Reino, o día 22 foi proclamado rei de España ante as Cortes e pronunciou o seu 1º discurso, que foi do agrado dos representantes do réxime franquista, e confirmaba o desdén da oposición democrática, que vía no novo rei un mero continuador da obra de Franco.Xóan Carlos I inicia o seu reinado e toma as primeiras decisións: mantén como presidente de Goberno a Arias Navarro e nomea como presidente do Consello do Reino e das Cortes a Torcuato Fernández Miranda, persoa da súa máxima confianza.

 

As expectativas que se abrían para a sociedade española facían que se producisen importantes movementos en todos os ámbitos políticos e sociais. Para uns, os cambios ían demasiado rápidos, pero para outros demasiado lentos; o equilibrio facíase imprescindible, pero tamén era difícil de conseguir.O 1º Goberno da Monarquía era heteroxéneo, en el estaban representadas todas as familias do réxime, así como personalidades consideradas reformistas como Fraga, Suárez, Martín Villa…

 

Pero o  inmobilismo do presidente de Goberno resultaba cada día máis evidente e demostraba a súa ineficacia para afrontar as necesarias reformas democráticas.Neste contexto, podemos facer referencia ao DOCUMENTO 6, que recolle un fragmento do artigo do xornalista estadounidense,Arnaud de Borchgrave( ainda que nado en Bélxica) publicado na revista Newsweek en abril de 1976, no que critica o inmobilismo de Arias Navarro , que na súa opinión se “ converteu no abandeirado dese grupo de leais a Franco coñecido como “ o bunker” “ ( última liña).

 

As presións do monarca levaron a que Carlos Arias lle presentara a súa dimisión o 1 de xullo de 1976.

 

Ante a sorpresa xeral , o rei elixe a Adolfo Suárez para substituir a Arias. O labor conxunto e ben coordInado de Suárez na presidencia do Goberno, Torcuato Fernández Miranda ,na presidencia das Cortes, e o propio Rei, fixo posible que se cumpriran as promesas democratizadoras.Un ano despois da morte de Franco era aprobada nas Cortes a Lei para a Reforma Política ,en novembro de 1976, que abría o camiño para eleccións a Cortes Constituíntes.A ela se refire o DOCUMENTO 7. A Lei de Reforma Política,LRP,recollía , entre outros, os seguintes artigos, mencionados no documento: art. 1,”A lei é a expresión da vontade soberana do pobo. Os dereitos fundamentais da persoa son inviolables; art.2, As      Cortes compóñense do Congreso dos Deputados e do Senado;  e os Deputados serán elexidos por sufraxio universal,directo e secreto dos españois maiores de idade”( liñas 1-4).

 

Para levar adiante ese proceso de eleccións, tiña que ser aprobado polo Consello Nacional do Movemento e as Cortes, institucións controladas por franquistas. Para iso, tanto Suárez como Torcuato, empregaron todos os seus recursos e influencias, así como os resortes que lles permitían as leis. As argumentacións centráronse fundamentalmente na idea de chegar á democracia parlamentaria desde a legalidade vixente, mantendo a paz social e o control do proceso pola Coroa e o Goberno. A pesar das críticas, o Consello informou positivamente sobre o proxecto de lei,80 votos a favor ,13 en contra e 6 abstencións.O proxecto foi enviado ás Cortes que o aprobaron con 425 votos a favor,59 en contra, 13 abstencións e 34 ausencias, de modo que as derradeiras Cortes franquistas votaron a súa autodisolución .Despois a LRP debía ser sometida a referendum o 15 de decembro.Trala votación obtivo  o 94,2 % de votos afirmativos, o que significaba a derrota da oposición rupturista e o triunfo das propostas de Adolfo Suárez.