Nos textos propostos deféndense tres sistemas políticos diferentes: absolutismo (Doc.1), liberalismo (Doc.2) e democracia (Doc.3). Debes contextualizar cada documento nun período concreto da historia de España e caracterizar cada un dos réximes nos seus aspectos esenciais, salientando as diferenzas en asuntos como a soberanía, a estrutura do poder ou os mecanismos de participación e representación.

 

Doc.1.-En 1814, á volta de Fernando VII a España, os partidarios do absolutismo asinan o coñecido como “Manifesto dos persas”:

“A monarquía absoluta é unha obra da razón e da intelixencia: está subordinada á lei divina, á xustiza e ás regras fundamentais do Estado; foi establecida por dereito de conquista ou pola submisión voluntaria dos primeiros homes que escolleron aos seus reis. Así que o soberano absoluto non ten facultade de usar sen razón a súa autoridade (dereito que non quixo ter o mesmo Deus); por iso foi preciso que o poder soberano fose absoluto, para prescribir aos súbditos todo o que mira ao interese común, e obrigar á obediencia aos que se negan a ela (...).

Non podendo deixar de pechar este respectuoso Manifesto en canto permita a nosa representación e os nosos votos particulares coa protesta de que se estime sempre sen valor esa Constitución de Cádiz, e por non aprobada pola V. M. nin polas provincias (...) porque estimamos as leis fundamentais que contén de incalculables e transcendentes prexuízos”.

 

Doc.2.-En 1845, Joaquín Francisco Pacheco, líder do Partido Moderado, defende o sufraxio restrinxido:

“Distinguimos hoxe, señores, os dereitos políticos dos dereitos civís; e se estes os concedemos a todos os cidadáns, non así os primeiros, que non podemos outorgar senón aos que os han exercer ben (...).

O dereito electoral non será un dereito de todos, e as ínfimas clases de calquera país deberán estar privadas del pola razón sinxela de que non poderán exercelo convenientemente (...).

Tomouse por regra xeral como base para a concesión deste dereito o goce de certa renda ou o pagamento de determinada contribución. Este principio, señores, é racional e aceptable. A riqueza, ou por mellor dicir o benestar, a vida desafogada e fácil, en que o traballo material non é unha carga dura, non é a penosa ocupación de todos os momentos, e deixa espazo para as concepcións do espírito; ese benestar mediano (...), ese é o que debe tomarse como condición de capacidade política, porque é o que dá a intelixencia e a valía na orde social (...).

Quen gaña afanosamente o seu sustento nun traballo ímprobo e coa suor do seu rostro, quen non pode gozar algunha vez o digno descanso (...), quen está reducido a un escaso xornal (...), non pode pretender a consideración nin a estima política”.

 

Doc.3.-O 19 de setembro de 1868, a Xunta Superior Revolucionaria dá a coñecer a seguinte proclama:

“A Xunta Superior Revolucionaria, fiel á súa elevada orixe, fai a seguinte declaración de dereitos:

Sufraxio universal. Liberdade de cultos. Liberdade de ensinanza. Liberdade de reunión e asociación pacíficas.

Liberdade de imprenta (…). Descentralización administrativa que devolva a autoridade aos concellos e ás provincias. Xuízo de xurados en materia criminal (…). Inmobilidade xudicial”.